Thursday 09 de May de 2024

A Xunta destaca o investimento realizado para a inclusión real das persoas inmigrantes en Galicia


Destina preto de 3,3 millóns de euros nas ordes a entidades sociais e a corporacións locais

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou o traballo da Xunta de Galicia para conseguir a plena inclusión das persoas inmigrantes na nosa comunidade. Fíxoo durante a súa participación na Festa Intercultural de Nadal organizada pola entidade Mestura en conmemoración do Día internacional do Migrante.

Esta iniciativa, que tivo lugar no Centro Cultural O noso Lar de Culleredo, proporciona ás familias un espazo de encontro que lles permite compartir as súas experiencias migratorias, así como fortalecer relacións e vínculos sociais solidarios nestas datas festivas.

Arturo Parrado recordou que a Xunta financia diferentes programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante en Galicia a través de dúas ordes de convocatoria, unha dirixida a entidades de iniciativa social e outra dirixida a corporacións locais. Na última convocatoria dirixida a entidades 2018-2020 destináronse preto de 2,8 millóns de euros, e para a de corporación locais 2018-2019 o importe supera os 500.000 euros.

En total investíronse case 3,3 millóns de euros para a inclusión sociolaboral das persoas inmigrantes en Galicia. O director xeral indicou que con este importe póñense en marcha servicios de asesoramento xurídico, mediación intercultural, conciliación, medidas para atender as necesidades básicas ou itinerarios de apoio e transición ao emprego.